BOIRO> O PP de Boiro denuncia o desmantelamento do parque do estuario do Río Coroño ante a retirada dos elementos que se atopan en mal estado. Os populares responsabilizan ó executivo do deterioro pola falla de mantemento. Dende o concello aclararon que existe un proxecto para a renovación integral do parque.
Os populares de Boiro comparecían esta mañá no parque de aventura do estuario do Río Coroño para denunciar o seu desmantelamento. Consideran que o mal estado que presentan moitos dos elementos do parque débese á falla de mantemento por parte do concello ó que responsabilizan de non conservar as instalacións municipais.
Lamentan dende o PP esta decisión posto que se trata dunha instalación moi utilizada por veciños e visitantes.
Pola súa banda, dende o concello de Boiro explicaron que existe un proxecto para a renovación integral do parque valorado en preto de 100 mil euros para o que xa teñen solicitada unha subvención. Mentres agardan á resolución procedeuse á retidrada dos elementos que se atopaban en mal estado para evitar riscos. Sinalaron ademais que, no caso de non conseguir a subvención, a reforma executarase con fondos propios.