Vilaxoán Canta regresará ás festas do Carme coa dirección de Álvaro Cardalda e varias novidades

VILAXOÁN> Vilaxoán Canta regresará as festas da vila con numerosas novidades. Álvaro Cardalda asume en solitario a dirección da organización substituíndo a Salvador Cores, O Manso.  O seu traballo continuará coa música tradicional de Vilaxoán, engadindo a participación dos máis pequenos e a colaboración de invitados que garda en sorpresa.

Vilaxoán Canta comeza a prepararse para retomar a súa actuación nas festas do Carme da vila. O parón obrigado pola pandemia, deuse nun momento no que a agrupación se atopaba en transición, xa que Salvador Cores o Manso cedeu a dirección ao seu compañeiro Álvaro Cardalda. O vilaxoanés estrearase aos mandos de Vilaxoán Canta con moita ilusión.

Álvaro asume o mando de Vilaxoán Canta continuando coa liña de música tradicional e mariñeira da agrupación pero aportando novidades para atraer á veciñanza.

Vilaxoán Canta xa comezou os ensaios con ampla participación.

A función terá lugar o luns 18 de xullo ao redor das 20 e 30 na praza Rafael Pazos de Vilaxoán. O seu regreso agárdase con moitas ganas na vila.

A agrupación continuará cos ensaios nas vindeiras datas invitando a todo aquel que queira participar a unirse. No caso dos nenos, a preparación comezará o cinco de xullo e tamén estará aberta para que todos os nenos e nenas de Vilaxoán e da comarca coñezan as tradicionais cancións da vila.