Novas ameazas á moza de Sanxenxo: ‘Desfruta dos teus últimos días de vida, zorra’

SANXENXO> Continúan as ameazas á moza de Sanxenxo de tan só 20 anos que, presuntamente, leva case un ano sendo acosada pola súa exparella. Canal Rías Baixas puido ter acceso á ultima mensaxe ameazante que tería recibido a rapaza nas últimas horas.

Foi a través das redes sociais, mediante unha mensaxe privada dende un perfil falso. Nel, falan do presunto acosador como o seu amigo. Esixen que se deixe de sacar á luz noticias falsas ou senón ‘ímoste matar’. Tamén ameazan con arrancarlles a cabeza aos cabalos da moza, á súa nai e ao seu irmán. E engaden: ‘Por moito que o teu pai estea vixiando no coche, sabemos como entrar e se fai falta matamos ao teu pai”.

Continúan a mensaxe indicando que o seu amigo non ten por que aturar ‘gilipollces dunha puta zona’, polo que lle recomendan que ande con coidado ela e a súa familia porque ‘non sabes con quen te estás a meter’. A mensaxe conclúe cun ‘veña, a desfrutar dos teus últimos días de vida, zorra’.

Esta nova ameaza súmase á longa lista que vén recibindo nos últimos meses a moza, que leva presentadas unhas vinte denuncias e un presunto intento de asasinato frustado, tal como relataba Canal Rías Baixas hai dous días. Sabela, Fole, a avogada da rapaza, solicita medidas cautelares para protexer a moza. Pide que se volva decretar unha orde de afastamento entre o varón e ela. Unha medida que lle fora concedida e que a Audiencia Provincial de Pontevedra vén de retirar ao non observar perigo de reincidencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí