Venres de Camiñatas da Ruta do Pai Sarmiento en Sanxenxo

SANXENXO> Coñecer a comarca do Salnés camiñando. O Concello de Sanxenxo e o Taller de Memoria poñen en marcha os Venres de Camiñata da Ruta do Padre Sarmiento. O percorrido transcorrerá entre Pontevedra e Santiago a través de 14 itinerarios da comarca arousá.

Dende o pasado ano a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade de Sanxenxo e o Taller de Memoria desenvolven  unha serie de andainas pola vila denominadas “Coñece o teu Concello”. Ante o éxito das rutas, que se celebraban os venres, decidiron aumentar as súas fronteiras municipais e poñer en marcha os Venres de Camiñata da Ruta do Pai Sarmiento.

A Ruta do Pai Sarmiento vai dende Pontevedra ata Santiago a través da comarca do Salnés. Para facela máis accesible a todos os públicos o itinerario estará dividido en 14 etapas. Ademais de facer exercicio, a actividade permitirá coñecer os diferentes concellos.

No proxecto tamén colabora a Mancomunidade do Salnés que porá a disposición dos participantes un autobús para desprazarse dunha etapa a outra. Gonzalo Pita animou a todos os veciños a que coñezan a ruta e destacou a importancia que esta terá de cara ó Xacobeo 2021.

A inscrición abrirase mañá e será gratuíta e ilimitada, salvo para as prazas do autobús. A primeira das etapas terá lugar o 3 de maio en Pontevedra.