VILAGARCÍA> O colectivo a prol da memoria histórica de Vilagarcía, O Faiado da Memoria, reclama ao concello que rectifique dous puntos da súa proposta para mudar o rueiro da vila. En concreto, demandan para o xuíz Luis Pando unha rúa ou equipamento de maior entidade que a que se plantexa actualmente, a rúa de Carril que leva o nome do Xeneral Yagüe. Tampouco convence a decisión de bautizar co nome de Carmen Meaños, filla dun asasinado durante o golpe do 36, o traxecto entre Cervantes e o cemiterio de Carril. Máis aló dos cambios no rureiro esixen ao goberno local que repase o arquivo do concello para eliminar calquera honra concedida a cargos do Franquismo.
Algunhas das propostas do concello de Vilagarcía para mudar de nome varias rúas do municipio non convencen á Iniciativa Cidadá pola Memoria Democrática. Unha delas é a que se concederá ao xuíz Luis Pando, a rúa de Carril que actualmente leva o nome de Xeneral Yagüe. O colectivo reclama para Pando unha rúa máis céntrica e de maior entidade.
Tamén discrepa o colectivo coa decisión de bautizar o traxecto entre Cervantes e o cemiterio de Carril co nome de Carmen Meaños, filla dun asasinado durante o golpe do 36.
A proposta para introducir os cambios no rueiro vilagarcián irá ao vindeiro pleno da corporación. Ante esta situación, dende o colectivo reclaman ao goberno local que se abra ao diálogo.
Ademais, dende a Iniciativa Cidadá pola Memoria Democrática esixen ao goberno local que dea cumprimento da Lei de Memoria Democrática máis aló dos cambios no rueiro. Piden que se revisen outras honras e títulos concedidos a persoas relacionadas coa represión franquista, como é o caso de Manuel Hernández e Carlos Bernal, fillos adoptivos da cidade, ou Rey Daviña, que figura como alcalde honorario.











