PONTEVEDRA> En Pontevedra, hoxe adxudicouse a redacción do proxecto de integración urbana da ponte de Santiago e da contorna da rúa Serra. Dende o concello explican que a actuación mudará o aspecto da parcela existente entre a propia rúa e a avenida de Bos Aires. Trátase dunha zona verde que ata o ano pasado pertencía ao Instituto Galego de Vivenda e Solo e sobre a que os veciños levan anos reclamando que se actúe.
Pontevedra dá os primeiros pasos para reformar a cabeceira da ponte de Santiago e a súa conexión coa rúa Serra. Hoxe a xunta de goberno local adxudicou o contrato para a redacción deste proxecto.
A intención do concello é levar adiante unha actuación integral que mellore a mobilidade e accesibilidade da zona, incluíndo o acondicionamento da parcela de 800 metros cadrados situada entre os edificios da rúa Serra e da avenida de Bos Aires. O espazo foi cedido polo Instituto Galego de Vivenda e Solo ao concello no ano pasado.
A proposta deberá contemplar a corrección dos problemas de mobilidade que existen nesa zona. Así as cousas, non están previstos cambios no tráfico.
O estudo adxudicatario conta cun orzamento de 15.000 euros para elaborar a súa proposta. Terá que facelo ademais nun prazo de seis meses.











