VILANOVA> Vilanova celebra unha nova edición do Festival da Francofonía. Máis de 2.000 mozos e mozas de 24 centros de toda Galicia, entre eles tres do municipio, déronse cita no pavillón municipal neste encontro. O festival serve para unir lazos entre os estudantes de francés dos distintos institutos. Tamén para reivindicar que se fomente a aprendizaxe dunha segunda lingua estranxeira na ESO, algo que en España non é obrigatorio.
O festival da francofonía que se celebra en Vilanova vivíu hoxe a súa segunda e máis importante xornada. Porque hoxe, os 24 centros de toda Galicia que participan nesta iniciativa déronse cita no pavillón municipal para gozar dunha completa xornada de convivencia. Mateo e Celia actuaron hoxe como mestres de cerimonia, nun evento no que todos os institutos participantes tiveron que demostrar as súas habililidades co francés e co canto.
Na cita tamén participaron este ano tres centros de Vilanova: o IES A Basella, IES Faro das Lúas e o colexio de Tremoedo. A rapazada vilanovesa explícanos que este é un gran evento, polo que pasa enriba do escenario pero, sobre todo, pola convivencia que se crea entre os distintos grupos.
Este encontro arredor da francofonía celébrase dende hai 14 anos. Máis alá da parte festiva, serve tamén para reivindicar que no ensino público a aprendizaxe dunha segunda lingua estranxeira sexa obrigatorio, non algo opcional.
Este encontro da francofonía incluíu tamén outras moitas propostas, como unha ruta en catamarán pola ría de Arousa ou unha visita á Casa Museo Valle-Inclán.











