A Garda Civil volve en xullo a Vilanova corenta anos despois

VILANOVA> A Garda Civil volve a Vilanova de Arousa. A Benemérita instalará no concello unha oficina de atención cidadá, corenta anos despois de que o municipio perdera o seu cuartel. Once axentes ocuparán unha oficina situada na contorna da Casa do Concello e que, segundo os cálculos do goberno local, comezará a funcionar a partires do mes de xullo.

Corenta anos despois do peche do cuartel, a Garda Civil volve a Vilanova de Arousa. O concello e a Benemérita asinaron esta mañá un convenio polo que o goberno local asume a post aa disposición dun local para que se poidan instalar os axentes.

O local xa está escollido. Trátase dun baixo na contorna do concello, na rúa Aromas de Leyenda. Alí once axentes prestarán servizo en horario de mañá e de tarde.

Co convenio xa asinado, o concello porá en marcha as obras de acondicionamento do interior do local. Son uns traballos sinxelos que, de cumprirse os prazos, estarán rematados no mes de xullo.

Coa instalación desta oficina de atención cidadá, os veciños de Vilanova xa non terán que trasladarse a Vilagarcía para presentar unha denuncia ou facer calquera trámite relacionado coa Garda Civil.