PONTEVEDRA> Continúa en marcha a campaña para captar voluntarios de cara á celebración do Mundial Multisport en Pontevedra. Será do 21 ao 29 de xuño. Actualmente, a oficina que dirixe o voluntariado xa conta con máis de 300 inscritos. O obxectivo é acadar os 350 para poder cubrir correctamente as 1.700 quendas previstas.
Xa son máis de 300 as persoas inscritas como voluntarias para a organización do Mundial de Tríatlon Multisport en Pontevedra. A cita, que reunirá milleiros de deportistas na cidade, celebrarase do 21 ao 29 de xuño.
Dende a Oficina de Voluntariado de Pontevedra que coordina a organización neste eido sitúan nas 350 as persoas necesarias para atender o evento. Para animar á xente a inscribirse, hoxe instalaron unha carpa informativa na Praza do Concello.
Os voluntarios recibirán unha formación obrigatoria. A pouco máis de 40 días para a celebración desta importante cita internacional, dende a oficina traballan arreo para organizar o traballo que levarán adiante estes voluntarios.
En canto ao perfil dos xa inscritos é variado. A maioría teñen entre 14 e 20 anos, aínda que tamén hai persoas que superan os 70. Moitos xa teñen experiencia en probas deportivas anteriores. Tamén os hai que chegarán acompañando os deportistas.
As persoas interesadas en formar parte do evento poden inscribirse de forma presencial na sede física da Oficina de Voluntariado, situada en Benito Corbal, ou a través do correo oficinadevoluntariado@gmail.com ou o contacto telefónico 606 119 915. Poden facelo ata principios do mes de xuño.






