PONTEVEDRA> Sete dos oito detidos esta semana no marco da última operación contra o tráfico de drogas realizada no Salnés pasaron hoxe a disposición xudicial. Tras prestar declaración ante o xulgado de instrución número 2 de Vilagarcía que dirixe a investigación todos quedaron en liberdade. Tres deles, iso si, terán que comparecer no xulgado de xeito mensual. Segundo fontes oficiais, ninguén solicitou outro tipo de medidas para os detidos. A causa séguese por tráfico de drogas e por pertenza a organización xudicial, aínda que este último delito só para algún dos investigados.
Mentres se producía o paso a disposición xudicial dos detidos, a Policía Nacional daba detalles da investigación. A pesquisas vincúlaos co alixo de 120 quilos de cocaína que foi intervido no porto de Marín. Ademais da droga, os axentes incautaron equipos profesionais de mergullo coñecidos como seascooter. Empregaban estes dispositivos para propulsarse rapidamente baixo a auga e poder acceder aos fardos ocultos nos buques.
Estes dispositivos coñecidos como ‘seascooter’ foron intervidos pola Policía Nacional na última operación contra o tráfico de drogas nas Rías Baixas. Trátase de propulsores subacuáticos, que permiten desprazarse a altas velocidades baixo a auga. Eran empregados para recuperar a cocaína agochada nos cascos dos buques.
Neste caso, a droga foi localizada nun buque que atracou no Porto de Marín o 21 de febreiro. En concreto, eran 120 quilos de cocaína repartida en catro fardos. Estaban agochados nun dos habitáculos de refrixeración do barco, baixo a liña de flotación.
O operativo permitiu tamén a detención de oito persoas esta semana na comarca do Salnés. O grupo galego xa estaba a ser investigado pola Policía Nacional e, finalmente, puideron relacionalo coas persoas que trataron de recuperar a droga do barco.
Pola súa banda, o subdelegado do Goberno puxo en valor o traballo realizado polos axentes. Fixo fincapé no feito de que continuaran a investigación unha vez localizada a droga.
A operación, dirixida polo xulgado de instrución número 2 de Vilagarcía, continúa aberta e non se descartan novas detencións.











