Nova artesanía na Pobra

A POBRA> Falámoslles dunha nova iniciativa empresarial que xorde na Pobra. Trátase dun obradoiro artesanal de cerámica: Raposiñas. O proxecto, iniciado hai agora dous anos, grazas tamén a unha liña de axudas do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural xestionado a través do IGAPE, está promovido por dous mozos licenciados en Belas Artes: Loaira Pérez e Martiño Hortas.

A perseverancia de Loaira Pérez, unha moza veciña do lugar da Lomba, e o seu afán por poñer en marcha a súa propia empresa, coas dificultades que isto conleva hoxe en día, e máis no rural, ten xa recompensa coa inauguración do seu obradoiro de cerámica ‘Raposiñas’, o primeiro taller destas características existente na comarca que forma parte ademais da marca Artesanía de Galicia.

Xunto a Loaira, traballa tamén nesta nova experiencia empresarial Martiño Hortas. A partir de bosquexos de barro e coa axuda dun delineante industrial deseñan dixitalmente as pezas definitivas que despois da súa impresión en 3D e PLA levan a xeso. Trátase dun proceso produtivo meditado, que leva o seu tempo, e que dá lugar a pezas únicas.

O espazo será inaugurado oficialmente o próximo sábado, ás seis da tarde, nun acto ó que ademais da veciñanza están convidados tamén diversas autoridades, ás que agardan poder ensinarlle todo o seu traballo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí