SANXENXO> A Xunta construirá 25 vivendas de promoción pública en Sanxenxo. O Concello vai ceder ao goberno galego unha parcela de máis de 2.000 metros cadrados nunha zona de Noalla onde se está a levar a cabo un desenvolvemento urbanístico. Hoxe a conselleira de Vivenda confirmou a viabilidade urbanística do terreo. O obxectivo é licitar a construción das vivendas no ano 2026.
As 25 vivendas de promoción pública vanse construír neste terreo de Noalla. Está nun dos extremos dunha parcela onde se está a levar a cabo un desenvolvemento urbanístico privado de vivendas de luxo. Esta mañá, o alcalde achegábase ao lugar para ensinarlle o espazo á Conselleira de Vivenda.
O alcalde salientou que malia que aquí se poden facer 11 vivendas libres e as outras 14 de promoción pública, a súa aposta pasa porque sexa a Xunta a que asuma a construción de 25 vivendas públicas.
A cesión da parcela terá que ser aprobada agora no Pleno do Concello. O obxectivo da Xunta é licitar a construción das vivendas no ano 2026.
A parcela ten unha superficie de case 2.700 metros nunha superficie total de máis de 70.000. No resto desta área xa se está a levar a cabo a construción de vivendas privadas. Neste caso, salienta o alcalde, aquí se podían facer 320 vivendas. No 2017, o goberno local suspendeu as licencias, rebaixándoas logo a 160.











