VILANOVA> Este sábado temos unha cita en Caleiro. Nesta parroquia de Vilanova celebran un ano máis o San Isidro O Labrego. Un dos principais reclamos da xornada o tradicional desfile de carros e tractores, no que van repartir 1.500 euros en premios. Tampouco vai faltar o reparto de chourizos con pan de millo e distintas propostas musicais, salientando a verbena coa orquestra New York. Na comisión fan un chamamento a que a rapazada , o futuro da parroquia, se implique nas distintas propostas infantís.
Un ano máis e xa van 37 Caleiro volve presumir de tradición labrega. Este sábado, 17 de maio, esta parroquia vilanovesa vive un dos seus días máis senlleiros, coa festa do San Isidro O Labrego. A xornada arrancará á mañanciña con Xironsa, Boudebou e o grupo de danza O Castro. Logo da misa do mediodía terá lugar un dos momentos máis agardados, o desfile de carros e tractores. A organización vai repartir 1.500 euros en premios.
Outro dos pratos fortes da festa está no gastronómico. Haberá polbeira e unha foodtrack, acompañando ao prato principal da xornada: o clásico chourizo con pan de millo do que, calculan, repartirán unhas 1.200 racións. Para axilizar esta parte, a venda de tickets arrancará á 1 e o reparto, ás 2.
A festa, que nos últimos anos estase a facer moi coñecida polos seus vídeos promocionais virais, complétase con máis propostas musicais, con La Mecánica ao mediodía e a gran verbena da noite coa New York e Zona Cero.
O concello de Vilanova colabora coa festa do San Isidro.
A programación complétase cunha exhibición de cabalos de doma da man da Asociación Pura Raza Cabalo Galego e unha festa da espuma para a rapazada a media tarde.











