CALDAS> As familias do colexio San Clemente de Caldas de Reis entregan 1.500 sinaturas para reclamar a reapertura da terceira unidade de Educación Infantil. Unha vintena de familias desprazáronse ata Pontevedra para facer a entrega no edificio administrativo da Xunta na cidade. Denuncian que aínda que Educación recoñeceu que a supresión da aula debeuse a un erro administrativo, non ten plans de reabrila.
As familias do colexio San Clemente de Caldas reclamaron en Pontevedra a reapertura da terceira unidade de Educación Infantil. Unha vintena desprazáronse ata o edificio da Xunta na cidade para entregar máis de 1.500 sinaturas que apoian a súa reivindicación.
E é que foi un erro administrativo o que levou ao peche desta unidade. En concreto, unha equivocación de Educación á hora de contar os nenos matriculados.
A familias denuncian que a Xunta se comprometeu a repoñer esta terceira unidade se o centro acadaba o número suficiente de matrículas. Pero agora que xa se acadou a cifra necesaria, aseguran que Educación se nega a cumprir o seu compromiso, deixando nenos fóra do centro.
A concentración e entrega de sinaturas foi un acto máis nun calendario de mobilizacións que as familias manterán ata que consigan que Educación atenda as súas reclamacións. Aseguran ademais que contan co apoio da corporación de Caldas, tanto do goberno bipartito PSOE-BNG como do Partido Popular.










