VILAGARCÍA> Prisión provisional, comunicada e sen fianza para un dos detidos no marco da Operación Patrón contra o tráfico de drogas. Así o decretou a xuíza do xulgado de instrución número 2 de Pontevedra despois de que os tres detidos pasaran hoxe a disposición xudicial. As outras dúas persoas, un home e unha muller, foron postos en liberdade con medidas cautelares. Todos están a ser investigados por un delito de tráfico de drogas e branqueo de capitais.
Un dos detidos no marco da Operación Patrón contra o tráfico de drogas desenvolta esta semana ingresou hoxe en prisión provisional, comunicada e sen fianza. Foi a decisión da xuíza do xulgado de instrución número 2 de Pontevedra despois de tomarlle declaración. Tamén pasaron a disposición xudicial os outros dous detidos, un home e unha muller, que foron postos en liberdade. Iso si, terán que comparecer cada 15 días no xulgado, retiraráselles o pasaporte e teñen prohibido abandonar o territorio nacional. Os tres están investigados por un delito de tráfico de drogas que causan grave dano á saúde e por un delito de branqueo de capitais.
Os axentes realizaron tres rexistros, incluído un piso de seguridade que a organización mantiña en Vilagarcía para agochar os estupefacientes.. As pesquisas apuntan a que os detidos se dedicaban presuntamente ao tráfico de cocaína empregando vehículos caleteados. Foron localizados en total 23 quilos de cocaína
A operación comezou a mediados de 2024 cando a Udyco da Comisaría da Policía Nacional de Vigo e a Unidade Operativa de Vixilancia Aduaneira de Vigo e a Axencia Tributaria seguían a pista dun grupo que distribuía importantes contías de cocaína en diferentes localidades da península, empregando vehículos preparados con acochos.
O pasado 13 de maio os investigadores detectaron unha viaxe do principal investigado e da súa parella á localidade coruñesa de Bergondo para entregar unha partida de cocaína. Os axentes interceptaron o vehículo e localizaron o compartimento oculto, que agochaba 3 quilos de cocaína.
A raíz deste achado, despregaron un novo dispositivo que levou á detención dun terceiro investigado, un veciño de Pontevedra con antecedentes neste tipo de delitos, que se atoparía por riba na cadea de mando da organización criminal.
No operativo, os axentes tamén se incautaron dunha máquina de contar billetes, ferramentas para o envasado e distribución da droga, dous vehículos e 3.500 euros en efectivo.
A operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.