CALDAS> Traxedia en Caldas. Un mozo de 19 anos faleceu este mediodía nun accidente de tráfico. Ocorreu na rotonda de San Simón, xusto no límite cos Concellos de Vilanova e Vilagarcía. O vehículo que conducía saíu disparado da vía e faleceu practicamente no acto. O rapaz era natural de Valga, aínda que residía en Meis.
Un mozo de tan só 19 anos faleceu hoxe nun accidente de tráfico. Os feitos ocorreron na rotonda de San Simón, na estrada N-640, á altura da parroquia caldense de Godos, pero moi preto do límite con Vilanova e Vilagarcía.
O sinistro produciuse cando o turismo sinistrado se saíu da vía e acabou precipitándose ao baleiro. As primeiras hipóteses apuntan a que o coche sinistrado viña da VG-4.7 dende Carril, impactou contra o muro da rotonda e acabou precipitándose ó seu interior despois de sobrevoa-la N-640. O mozo faleceu practicamente no acto e, por sorte, non deixou máis vítimas nin tan sequera máis vehículos implicados.
O accidente tivo lugar pasada a unha e media. Ata o punto do sinistro desprazouse un amplo operativo de emerxencias, entre eles, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros do Salnés, Urxencias Médicas, agrupacións de Protección Civil de Caldas e Vilagarcía, as policías locais de ambos os municipios e o GES de Valga.
O 061 mesmo chegou a recibi-la alerta para mobilizar un helicóptero ata o lugar do sinistro, pero a súa intervención quedou anulada unha vez se confirmou o facecemento do varón.
O mozo falecido era natural de Valga, aínda que na actualidade residía no Concello de Meis.
Comments are closed.