VILAGARCÍA> Fronte común da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e ADEGA contra Altri. Os dous colectivos anunciaron hoxe o inicio de accións legais conxuntas para evitar a construción do proxecto da macrocelulosa en Palas. Explican que as irregularidades na tramitación do proxecto dálles pé xa a acudir á vía xudicial. Van comezar pola presentación dun recurso de alzada. Unha acción que é posible grazas a unha campaña de recadación de fondos que en apenas 20 días permitiulles xuntar case 40.000 euros.
A batalla contra Altri vívese na rúa, pero dende agora tamén nos tribunais. A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e a asociación ecoloxista ADEGA van da man nas primeiras accións legias contra o proxecto da macrocelulosa en Palas de Rei.
Pero os colectivos falan de irregularidades nesa tramitación, en particular na concesión de augas solicitada pola empresa a Augas de Galicia. Explican que a normativa contempla un prazo máximo de 18, tras os que a solicitude entenderase desestimada. Ese prazo, explican, tería rematado en maio de 2024. Isto leva ás entidades a presentar un recurso de alzada, condición previa ao contencioso xudicial polo silencio administrativo de Augas de Galicia.
O salto á vía xudicial é posible grazas a unha campaña de recadación que foi de récord acadando en apenas 20 días case 40.000 euros. Din que este é só o primeiro paso da batalla legal contra Altri.
Pola súa banda, dende a PDRA aproveitaron esta mañá para insistir na preocupante situación que atravesa a ría de Arousa dende o punto de vista da produtividade. Cun descenso constante na última década, cren que Altri será a estocada final para o marisqueo, un dos principais motores económicos do Salnés e O Barbanza.











