CAMBADOS> A Ruta do Viño Rías Baixas celebrou por todo o alto a súa Primavera de Portas Abertas. Dende a organización salientan a altísima demanda que tiveron todas as propostas que se incluíron na edición deste ano. Un total de 22 adegas da Denominación de Orixe participaron nesta actividade, ofrecendo visitas de balde ás súas instalacións. A iniciativa completouse cunha ducia de actividades paralelas, nas que o eneturismo foi da man do territorio, a paisaxe e a gastronomía.
A Primavera de Portas Abertas na Ruta do Viño Rías Baixas volve deixarnos unha edición para o recordo. O conxunto de propostas arredor desta experiencia, na que están implicadas as cinco rutas do viño de Galicia, colgou o cartel de completo.
Dende a Ruta do Viño Rías Baixas salientan o interese que esperta entre o público a posibilidade de descubrir as adegas a través destas xornadas de portas abertas, ben a través das visitas organizadas dende a ruta ou de forma individual.
Unha proposta cunha alta demanda, pensada para un público amplo, que busca unha experiencia total arredor do viño de Rías Baixas.
Pero esta Primavera de Portas Abertas ofreceu ademais unha ducia de actividades paralelas. Nelas, as adegas quixeron mesturar o enoturismo co territorio, a paisaxe ou a gastronomía.
Nunha das visitas organizadas no marco destas xornadas de portas abertas participou o delegado da Xunta en Pontevedra. Agustín Reguera achegouse a unha das actividades que tivo lugar en Mar de Frades, unha das adegas implicadas.











