Fondos provinciais para o campo de Lampáns, no Grove, e o reasfaltado dun dos accesos a Tragove

O SALNÉS> O Grove mellorará o campo de fútbol de Lampáns con fondos da Deputación de Pontevedra. O concello recibirá 140.000 do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que van permitir o cambio da herba artificial destas instalacións. Por outra banda, en Cambados, tamén se anunciou hoxe que o concello vai recibir 100.000 euros, neste caso do Plan +Provincia para o reasfaltado dun dos principais accesos ao porto de Tragove.

O acondicionamento do campo de fútbol de Lampáns, no Grove, financiarase con fondos da Deputación de Pontevedra. Este venres aprobarase en Xunta de Goberno provincial unha inxección económica de máis de 140.000 euros para este proxecto, a través do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

A través desta actuación, renovarase o céspede artificial destas instalacións.

Despois de dar conta desta actuación, o deputado provincial Marcos Guisasola desprazábase a Cambados. Alí, o concello vai reasfaltar con fondos do Plan +Provincia da Deputación a estrada de Forniños, de un quilómetro de lonxitude, pero un dos principais accesos ao porto de Tragove.

O alcalde cambadés, ademais, aproveitaba para poñer en valor este plan no que son os concellos os que deciden onde investir os fondos provincias. Ao abeiro do +Provincia, en Cambados tamén se vai levar a cabo a ampliación da rede de saneamento e abastecemento de auga a un cento de vivendas de Vilariño, Castrelo e Corvillón, cunha achega que rolda os 300.000 euros.