PONTEVEDRA> O BNG pide ao presidente da Deputación de Pontevedra que substitúa a Rafa Domínguez como encargado das obras do Museo pontevedrés. Segundo César Mosquera, dous anos despois do cambio no goberno provincial, Domínguez ten demostrado a súa incapacidade para avanzar nos proxectos dos edificios centrais e de Santa Clara. Asegurou o nacionalista que actualmente están peor que no 2023.
O estado de tramitación dos proxectos dos edificios centrais do Museo de Pontevedra e de Santa Clara preocupa ao BNG. Unha situación da que o voceiro nacionalista na Deputación, César Mosquera, responsabiliza ao actual vicepresidente, Rafa Domínguez.
Mosquera recordou que xa se cumpriron dous anos dende que o anterior goberno provincial aprobara no 2023 o proxecto orixinal para os edificios centrais que tiña o visto bo de Patrimonio, orzamento dispoñible e a previsión da modificación do Peprica, que chegou días despois. Todo listo, dixo o nacionalista, para licitar.
O voceiro nacionalista recoñeceu que se trata dunha obra complexa pero asegurou que a día de hoxe o proxecto está máis atrasado que hai dous anos. Por iso pediu ao presidente da Deputación que tome medidas.
Estas acusacións de César Mosquera xa tiveron resposta. Segundo Rafa Domínguez, o proxecto que atoparon os populares cando chegaron ao goberno era básico, non estaba finalizado e non tiña autorización de Patrimonio, licenza municipal nin fora licitado. Ademais, acusou a Mosquera de mentir e responsabilizouno da perda de tres millóns de euros de fondos europeos concedidos para esta actuación se finalmente a Deputación non consegue cumprir os prazos. Así as cousas, o vicepresidente asegurou que o proxecto definitivo agarda o visto bo de Patrimonio dende febreiro deste ano.











