En marcha as obras de mellora de accesibilidade no Paseo dos Areos

A POBRA> O concello da Pobra dá un paso máis no seu plan de accesibilidade nos espazos públicos. Xa están en marcha as obras no paseo dos Areos na confluencia entre as rúas Castelao e Anxo Rei Ballesteros que dotarán de maior seguridade ós peóns.

Esta obra, iniciada hai unhas semanas e xa a piques de concluír, permitirá mellorar a accesibilidade tanto ó paseo marítimo dos Areos como á Rúa Anxo Rei Ballesteros. A supresión dun dos accesos permitirá a execución dunha plataforma central no aparcadoiro eliminando os riscos que supoñía ata o de agora o feito de ter que camiñar pola estrada para acceder ós vehículos estacionados. Reforzarase tamén o alumeado e ampliarase o paso de peóns que contará tamén con dispositivos sensoriais.

Tan só se reducirá unha praza de aparcamento para habilitar unha destinada a persoas con mobilidade reducida.

A obra enmárcase no Plan Municipal de Mellora da Accesibilidade e suporá un investimento de algo máis de trinta mil euros con fondos propios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí