RIBEIRA> Satisfacción no seo do goberno ribeirense tras coñecerse os datos publicados polo Ministerio de Interior que indican un descenso da criminalidade en Ribeira. O alcalde considera que as estatísticas responden ás políticas desenvolvidas nos últimos meses para facer de Ribeira un municipio máis seguro.
Aínda que os datos son positivos e reflicten unha leve baixada da criminalidade, dende o concello de Ribeira seguirán a traballar por mellorar máis eses índices reforzando as medidas postas en marcha nos últimos meses e que xa comezaron a dar os seus froitos. O alcalde referiuse principalmente ás campañas de control desenvolvidas pola Policía Local cuxa presenza se viu reforzada nas zonas máis inseguras.
Ademais do reforzo da vixilancia, dende o concello inciden tamén en campañas de prevención e control do consumo de drogas co os programas que xa desenvolve a Unidade de Condutas Aditivas para reducir os problemas de drogodependencia que soen ir asociadas a un incremento da conflitividade.
Por último, seguirán a demandar dende o concello o incremento do cadro de persoal da comisaría para contar con máis efectivos da Policía Nacional.











