PONTEVEDRA> A liberación da Xunqueira da Gándara, en Pontevedra, está máis preto. O concello e a Xunta de Galicia avanzaron nesta demanda municipal, cun principio de acordo sobre o traslado das naves que o goberno autonómico posúe na zona.
O concello de Pontevedra e a Xunta avanzan cara a liberación da Xunqueira da Gándara. Ambas administracións acadaron un preacordo para trasladar as dúas naves de titularidade autonómica que continúan neste espazo protexido.
Agora o concello está á espera de recibir máis información sobre as necesidades destes equipamentos para atopar a parcela máis acaída. Iso si, a construción da nova nave correrá a cargo da Xunta. Como parte do acordo, o concello asumirá a titularidade de dous tramos de estradas autonómicas: dende o nó da entrada de Marín ata Estribela e na estrada de Campo Lameiro, entre a farmacia de Médico Ballina e a rotonda que conecta co vial inferior a Montecelo.
Este foi un dos principios de acordo aos que chegaron Alfonso Rueda e Miguel Anxo Fernández Lores o pasado 19 de maio, na visita que o presidente da Xunta realizou á Casa Consistorial. Tamén se abordou a sinatura dun convenio dotado de tres millóns de euros para actuacións en instalacións deportivas e de saneamento. Segundo o alcalde, será o concello quen decida e priorice estas intervencións.
A ampliación do polígono industrial do Campiño, que continúa o seu camiño administrativo, e o traspaso da Unidade Asistencial de Drogodependencia, sobre a que a Xunta mantén a súa intención de asumir por completo a súa xestión, foron outras cuestións que estiveron sobre a mesa.