PONTEVEDRA> A sala Zennet, o local de hostalería situado no Club Naval de Pontevedra, non terá que pechar. Así o defenden os seus responsables. Carlos Fontán e Javier Mori saíron ao paso das informacións publicadas sobre unha resolución de Portos de Galicia na que ordena o cesamento da súa actividade como discoteca. Fontán e Mori defenden que a licenza do seu local é como café-espectáculo, polo que non consideran que a orde lles afecte.
A resolución de Portos de Galicia ordenando á Sala Zennet que cese a súa actividade como discoteca non preocupa aos seus responsables. Carlos Fontán e Javier Mori aseguran que a súa licenza é como café-espectáculo, non como discoteca, e que cumpren con todo o que implica.
Portos de Galicia tamén apunta que as obras de acondicionamento do local foron realizadas sen autorización. Fontán e Mori explican que os traballos contan cos permisos pertinentes do concello de Pontevedra. Así as cousas, o Club Naval, que asegura que ningún dos anteriores negocios que se situaron neste local solicitaran a Portos licenza de obra, xa enviou a documentación requirida.
Os dous hostaleiros aseguran que a resolución de Portos de Galicia é un episodio máis dun conflito que parte de varias denuncias veciñais. Denuncias que apareceron xa en maio do ano pasado, cinco meses antes do inicio da súa actividade. A día de hoxe superan xa a trintena.
Contra a Sala Zennet tamén hai queixas ante a Policía Local, o concello de Pontevedra, Costas e mesmo o Parlamento Europeo. Os empresarios consideran que é unha cruzada contra eles.
Polo de momento, Carlos Fontán e Javier Mori aseguran estar tranquilos. Defenden que non cesarán a súa actividade ata que o ordene un xuíz. E adiantan: se iso ocorrera, solicitarían un lucro cesante polo investimento de ata 700.000 euros que fixeron para habilitar o local e os 10 anos que aínda lles quedan de contrato.











