O concello da Pobra substitúe a pasarela de madeira da Pedra da Moura por un sendeiro natural

A POBRA> Os veciños e visitantes que se acheguen á Pobra este verán gozarán dun mellorado paseo. O concello retirou a antiga pasarela de madeira que conecta o estadio da Alta con Cabío posto que se atopaba moi deteriorada. no seu lugar, habilitouse un sendeiro de terra, máis seguro e con menor mantemento.

O executivo pobrense dá por rematada a actuación de mellora do paseo da Pedra da Moura, que conecta, pola costa, a praia de Cabío co estadio da Alta. O proxecto, cun investimento de preto dos 17 mil euros,  consistiu basicamente na retirada da antiga pasarela de madeira, moi deteriorada polo paso do tempo. No seu lugar procedeuse á instalación dun sendeiro de de grava e terra, de menor mantemento.

O concello responde así ás demandas de moitos veciños, e incluso do Partido Popular, que reclamaban unha actuación integral na zona, ó entender que constituía un perigo para os usuarios.  A actuación completouse coa reutilización de parte das táboas que se mantiñan en bo estado para instalar noutros tramos do paseo que se atopaban en malas condicións.