A Deputación financiará integramente o proxecto do vial de Berres ó Saltiño

BOIRO> A Deputación da Coruña financiará integramente o proxecto de construción do novo vial que unirá o Saltiño e Berres,  e que permitirá desconxestionar o tráfico no núcleo urbano e mellorar tamén a conexión entre as parroquias de Cabo de Cruz e Abanqueiro.

O proxecto, que o alcalde, Xosé Ramón Romero, agarda poida ser unha realidade xa antes do fin do presente mandato, ascendería a uns dous millóns de euros.

O rexedor, que agradeceu o compromiso da Deputación con este proxecto, destacou que este novo vial será fundamental para aliviar a carga de tráfico no centro urbano, especialmente durante a tempada estival.

A actuación, nun tramo de un quilómetro de lonxitude, contempla unha plataforma de 14 metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros, arcéns laterais dun metro a cada lado, un carril bici de 2,5 metros e unha mediana central con alumeado público.