As cantareiras Pan Sen Fron actuarán no VIII Festival Sons de Aguiño

RIBEIRA> Aguiño celebrará a oitava edición do Festival Sons organizado pola Asociación Francisco Lorenzo Mariño. Contará coa actuación conxunta dos grupos Bailadela e Sete Linguas e o peche correrá a cargo de Pan Sen Fron, como agrupación convidada.

Un ano máis, e xa van 8, a asociación cultural Francisco Lorenzo Mariño volverá poñer en valor a música tradicional cunha nova edición do Festival Sons.

Será o sábado 21 de xuño no Conservatorio da Parroquia. Bailadela e Sete Linguas abrirán a programación cun espectáculo conxunto que dará paso ó grupo convidado ‘Pan Sen Fron’. A xornada rematará cunha foliada aberta á que poderán sumarse tódolos asistentes.

Dende a asociación quixeron agradecer a colaboración das empresas patrocinadoras que apoian a programación anual da entidade encamiñada á recuperación e posta en valor da cultura e tradición da parroquia de Aguiño.