Abre o albergue de Carril, o primeiro da ruta do mar de Arousa e o río Ulla

VILAGARCÍA> Comeza a funcionar o albergue de peregrinos de Carril. Trátase do primeiro que se pon en servizo na ruta do mar de Arousa e o río Ulla. Coincidindo coa súa apertura, visitaron as instalacións o director de Turismo de Galicia e o alcalde de Vilagarcía. Xosé Merelles e Alberto Varela salientaron que neste proxecto a cooperación entre administracións foi fundamental.

Despois de que durante un tempo o albergue de Carril fose un cabalo de batalla entre a Xunta e o Concello de Vilagarcía, esta mañá as instalacións entraron en funcionamento. Fixérono tres meses despois de que a Xunta e o concello asinasen un convenio e tres anos despois de que a obra estivese rematada.

Así que hoxe, co servizo xa en marcha e converténdose no albergue número 78 da rede xacobea, palabras de agradecemento entre a Xunta e o concello vilagarcián. Logo dos desencontros, falan de exemplo de cooperación entre administracións.

O alcalde celebrou a posta en uso destas instalacións, converténdose -dixo- nun dos mellores albergues do país e nestes momentos o máis moderno.

O inmoble foi cedido polo Concello de Vilagarcía de Arousa o pasado mes de marzo e foi necesario dotalo de material e dar de alta os distintos servizos para a súa posta en funcionamento. As instlacións contan con 30 prazas distribuídas en cinco dormitorios. Coa apertura hoxe, Turismo de Galicia cumpre co compromiso adquirido na cesión do inmoble de abrir as instalacións durante este verán.