A Deputación calcula investir preto de 80 millóns de euros en Pontevedra ata final de mandato

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra investirá preto de 80 millóns de euros ata final de mandato na capital de provincia. É a estimación que hoxe presentou o seu vicepresidente, Rafa Domínguez. Segundo Domínguez, a administración provincial ten por diante proxectos ambiciosos para a cidade, como a rehabilitación de Santa Clara e dos edificios centrais do Museo, a nova Bienal de Arte ou os futuros convenios anuais co concello de Pontevedra. Actuacións que se suman ás xa realizadas nos dous primeiros anos de mandato que, segundo o vicepresidente provincial, supuxeron un investimento de 28 millóns de euros.

Se onte o presidente Luis López facía balance dos primeiros dous anos de goberno na Deputación de Pontevedra para a provincia, hoxe o vicepresidente Rafa Domínguez centrouse nas actuacións levadas a cabo na capital.

Domínguez cifrou en 28 millóns de euros os investimentos realizados en Pontevedra neste tempo. Falou dos 16,4 millóns destinados ao Museo, do 1 millóns 700 mil euros da Bienal Internacional de Arte, dos 7 millóns dos convenios asinados co concello capitalino ou das diferentes achegas realizadas para a promoción da cultura e do deporte.

Ademais de mirar cara atrás, na súa comparecencia Domínguez deu apuntes do que pretende ser a xestión do goberno da Deputación nos vindeiros dous anos na súa relación con Pontevedra. Segundo o vicepresidente, a intención é investir 80 millóns de euros máis na cidade.

Domínguez deu tamén datos das visitas do Museo de Pontevedra durante o ano pasado. Segundo o vicepresidente, acadouse un récord en máis dunha década, con máis de 145.800 visitantes. Tamén participaron un 20% máis de persoas nas visitas guiadas respecto do 2023.