O voto do edil de Pode permite ao socialista Samuel Lago manter a alcaldía de Cambados

CAMBADOS> A alcaldía de Cambados volve quedar en mans socialistas. O voto do concelleiro de Cambados Pode volveu ser decisivo e, ao igual que sucedera no 2015, recaeu na candidatura do PSOE. Samuel Lago será rexedor os vindeiros catro anos e encabezará un novo cuadripartito na vila. PSOE, BNG, Somos Cambados e Cambados Pode volven ser socios de goberno.

O sábado pola mañá no salón de plenos de Cambados todas as miradas estaban postas no edil de Cambados Pode. Como sucedera no 2015, o voto de José Ramón Abal era determinante para decidir se sería a candidata do Partido Popular, Sabela Fole, ou o do PSdeG, Samuel Lago, quen levantaría o bastón de mando. Abal levantou a man para dar o seu apoio ao alcaldable socialista e o público estalou en aplausos.

A incógnita mantivérase para o público ata o último momento pero tralo pleno Abal explicaba que pouco antes da medianoite chegaran a un acordo verbal para reeditar o cuadripartito.

Segundo adiantou o edil de Pode, el asumirá as responsabilidades de Enoturismo e Obras que xa tivera no mandato 2015-2019. Tamén terá unha liberación. Un acordo froito de duras negociacións que se mantiveron abertas ata o último momento e que agora continuarán para deseñar a nova etapa do cuadripartito.

Despois da sesión de investidura vivíronse momentos de certa tensión. José Ramón Abal tivo que saír pola porta lateral do concello cambadés. Momento no que varios vecinos intentaron ir detrás del increpándoo pola súa decisión.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí