LOUSAME> A aldea de Ces, en Lousame, vivirá esta fin de semana as súas festas grandes. Ademais da sardiñada popular do domingo, a estrela do cartel será a orquestra Panorama que animará a verbena do luns.
A Comisión de Festas de Ces, en Lousame, traballa a reo para manter vivos os festexos que contan xa con máis de século de vida. Para este ano, deseñou un amplo cartel con dúas citas destacadas. A primeira, a sardiñada do domingo que congregará no campo da festa a centos de persoas.
O prato forte resérvase para o luns coa actuación estelar da Panorama que, agardan, atraia a un gran número de visitantes. O programa inclúe tamén actuacións de agrupacións así como misas solemnes na honra de San Cristovo e a Virxe do Loreto. Dende a comisión fan un convite a tódolos veciños a achegarse a desfrutar destes festexos con gran tradición no lugar de Ces.











