Un incendio arrasa un edificio no centro de Pontevedra e obriga a evacuar ata cinco inmobles lindeiros

PONTEVEDRA> Un edificio do centro de Pontevedra quedou arrasado por un incendio que se declarou esta madrugada. Foi no número 4 da rúa Riestra e as tarefas de extinción foron ben complicadas. Aínda que o lume se deu por extinguido durante a noite, as lapas reaviváronse varias veces durante o día. Aínda que non se rexistraron danos persoais, os materiais son abondosos. Ademais dos 20 veciños do inmoble afectado foron desaloxados ata mañá os habitantes dos edificios lindeiros para garantir a súa seguridade.

Todas as alarmas saltaban ao redor da 1.15 da madrugada no número 4 da rúa Riestra, en pleno centro de Pontevedra.

As lapas comezaron no segundo piso esquerda do edificio por causas que aínda se están a investigar. Pronto se estenderon polo inmoble, principalmente aos andares superiores.

Ao redor das 6 da mañá os bombeiros deron por controlado o lume. Pero pasadas as 7 as lapas reaviváronse polo que os efectivos continuaron traballando no punto boa parte da xornada.

A pesares da intensidade do lume, non se rexistraron danos persoais. Pero si foi preciso evacuar aos 20 veciños do inmoble afectado e aos de ata cinco edificios lindeiros.

Dos veciños afectados, os inquilinos do primeiro piso foron realoxados noutras vivendas do mesmo propietario.

En canto aos habitantes do segundo andar, ubicáronse en dependencias municipais.

Ás perdas dos habitantes do edificio hai que sumar o estado no que quedou o inmoble. Algunhas partes colapsaron polo efecto das lapas.

De feito, trala inspección do servizo de arquitectura municipal acordouse a demolición do pinche do edificio para evitar o seu colapso. A intervención realizarase mañá pola mañá. Así que o concello volveu ordenar o desaloxo dos edificios lindeiros para garantir a seguridade dos veciños.