O Museo Valle-Inclán amplía a súa oferta de visitas comentadas durante o verán

A POBRA> O Museo Valle-Inclán oferta visitas comentadas ó longo de todo o verán. Nestes encontros divulgativos, os asistentes poden achegarse ós valiosos fondos documentais que alberga o centro así como coñecer a historia da Torre de Bermúdez declarada Ben de Interese Cultural.

Se ben durante todo o ano, o Museo Valle-Inclán ofrece visitas guiadas, dirixidas fundamentalmente a grupos e escolares, a oferta do verán complementase con encontros divulgativos para grupos reducidos. Cun mínimo de 6 persoas e un máximo de 12, estas visitas comentadas ofrecen unha oportunidade única de aproximarse a amplísima colección de fondos de que dispón o centro.

Outros dos principais atractivos da visita é o propio inmoble que alberga o centro museístico. A Torre dos Valle Bermúdez, declarada Monumento Nacional de Carácter Histórico-Artístico e Ben de Interese Cultural, esperta gran curiosidade entre os visitantes; non só polo seu valor patrimonial senón tamén literario posto que é escenario de parte da obra de Valle.

Durante o mes de xullo, as visitas desenvolveranse os venres en horario de mañá a partir das once e pola tarde ás cinco e media. Aínda que son de balde, os interesados deberán reservar praza previamente tanto de xeito presencial no propio museo como nos teléfonos  981 83 16 62 , 619 05 05 23 ou no enderezo electrónico: museo.valleinclan@apobra.gal