A Pobra convida á cidadanía a posicionarse contra a violencia de xénero

A POBRA> A Pobra volverá conmemorar o Día Internacional contra a violencia de xénero con diversos actos enmarcados na campaña ‘Desmárcate’. Ademais da concentración do propio día 25, desenvolveranse actividades cos centros educativos e un obradoiro de defensa persoal.

O obxectivo da campaña que dende o pasado ano pon en marcha o concello da Pobra é implicar a toda a cidadanía convidándose a posicionarse no lugar que cada un ocupa fronte a violencia machista.

O propio 25 de novembro terá lugar unha  concentración nos xardíns Valle-Inclán, diante da escultura en homenaxe ás vítimas da violencia de xénero.  Ademais do acto central, ó longo de todo o mes desenvolveranse actividades en colaboración cos centros educativos como  contacontos, charlas e obradoiros para os distintos niveis de infantil, primaria e secundaria.

Máis aló da comunidade educativa, ofertaranse outras actividades como o obradoiro de defensa persoal para mulleres que desenvolverá Cristy Tojo o día 23.

No marco desta campaña celebrarase tamén unha nova sesión da Mesa Local contra a Violencia de xénero o día 22 de novembro.

Para a posta en marcha desta programación o concello conta co financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero ademais de estar adherido á campaña ‘De Fronte’ da Deputación da Coruña.