PONTEVEDRA> O Goberno do Estado promoverá a construción de vivenda pública en Pontevedra. Farao a través da nova Entidade Estatal de Vivenda e Solo, coñecida como CASA47. Pedro Blanco, que polo de momento non ofreceu detalles, confirmou esta previsión na visita que realizou hoxe ao barrio de Valdecorvos. Aquí comprobou o avance das obras dunha das promocións de vivenda pública que impulsa a Xunta co apoio de fondos do Estado.
O delegado do Goberno en Galicia reivindicou hoxe dende Pontevedra o papel do executivo estatal á hora de impulsar a construción de vivenda pública. Fíxoo dende o barrio de Valdecorvos, onde a Xunta está a construír 74 vivendas cunha achega do goberno central de 3,8 millóns de euros procedentes do Plan de Recuperación.
Pedro Blanco apuntou que a cidade de Pontevedra conta con case 2.000 demandantes de vivenda pública rexistrados, cifra que se eleva a preto de 15.000 na provincia. Case a metade do total de Galicia.
O delegado asegurou tamén que o Goberno do Estado promoverá directamente a construción de vivenda pública na cidade. Será a través da nova Entidade Estatal de Vivenda e Solo, coñecida como CASA 47.
Blanco cifrou en máis de 530 millóns de euros os cartos investidos polo Estado en políticas de vivenda nos últimos anos en Galicia. Na provincia de Pontevedra, concretou, foron 26 millóns de euros para impulsar 1.650 vivendas, mentres que na cidade se destinan 4,6 millóns para actuacións que inclúen a construción destas 74 vivendas e a rehabilitación doutras 75.











