Comeza a transformación do antigo edificio de Fancenda en Pontevedra no novo arquivo provincial

PONTEVEDRA> Os traballos para a reforma da antiga sede de Facenda en Pontevedra están a piques de comezar. Hoxe anunciouse o inicio inminente da primeira fase da súa rehabilitación, que consiste no arranxo das cubertas. A partir de aquí iníciase un longo percorrido para a transformación deste edificio anexo ao Convento de San Francisco na nova sede do arquivo provincial. Este histórico inmoble leva pechado 15 anos e hoxe puido acceder ao seu interior unha cámara de Canal Rías Baixas.

Seguramente a moitos de vostedes se lles veña á mente algún que outro trámite que, con maior ou menor agrado, tiveron que facer nesta antiga sede de Facenda en Pontevedra. O inmoble leva 15 anos pechado e hoxe as cámaras puideron acceder a el, coincidindo co inminente inicio dos traballos da primeira fase da súa rehabilitación.

Esta é a primeira parte dun ambicioso proxecto de rehabilitación integral, que suporá un investimento de 18 millóns de euros. A redacción dese proxecto xa foi adxudicada por 800.000.

O subdelegado recoñeceu que esta reforma vai ser tan longa como complicada. Non quixo dar unha estimación de prazos, pero salientou a importancia da súa recuperación para a cidade de Pontevedra, cos seus novos usos como arquivo provincial.

O arquivo provicial de Ourense, do mesmo xeito que se pretende facer en Pontevedra, sitúase no antigo convento de San Francisco, reconvertido para estes usos dende o ano 2020.