O San Bieito ‘máis milagreiro’ reúne a centos de fieis na súa romaría en Lérez

PONTEVEDRA> Hoxe, 11 de xullo foi festivo local en Pontevedra. Día de San Bieito e, por suposto, de romaría. Centos de persoas acudiron fieis á súa cita co santo máis milagreiro, cumprindo coas misas e con todos os ritos para conseguir os seus favores ao longo do ano. Unha xornada que se completou coa proposta máis festiva na beira do Lérez, con música, xantar popular e mexilloada.

Un 11 de xullo máis, o santo Máis Milagreiro volveu demostrar o seu poder de convocatoria. Centos de fieis desprazáronse ata a contorna do Mosteiro de San Bieito de Lérez para cumprir coa tradición.

Hoxe foi festivo en Pontevedra e tamén día de romaría. No recinto do mosteiro o bulir de persoas foi continuo. Para asistir á procesión e ás misas, para pasar por debaixo do altar do santo e recibir as súas bendicións e, por suposto, para facerse co aceite milagreiro que, segundo din, cura os problemas de pel.

Isto do lado da devoción pero como en toda boa romaría, na de San Bieito de Lérez non falta a vertente festeira. Moitos continuaron o día na beira do río, onde houbo música e xantar popular .

A mexilloada popular, a actuación do grupo de pandereteiras Pola Villa e a verbena no atrio do mosteiro coa orquestra Casablanca, prolongaron a festa durante toda a xornada.