O Colectivo Transfeminista Fulanas denuncia dúas agresións sexuais en Pontevedra e reclama máis recursos á Policía Nacional

PONTEVEDRA> Dúas agresións sexuais rexistradas nos últimos días fan saltar as alarmas en Pontevedra. Segundo deu a coñecer o Colectivo Transfeminista Fulanas producíronse na zona da Parda e na contorna do Campiño de Santa María. Hoxe convocaron unha protesta diante da comisaría da Policía Nacional en Joaquín Costa para reclamar máis protección e máis recursos para evitar novos ataques.

O Colectivo Transfeminista Fulanas alertou de dúas agresións sexuais que se produciron nos últimos dez días en Pontevedra. A primeira foi no barrio da Parda. Neste caso, o agresor exerceu violencia física sobre a vítima, que precisou atención sanitaria. A muller presentou denuncia na Policía Nacional.

Días despois, o colectivo facíase eco en redes sociais doutra agresión. Neste caso fora na zona do campiño de Santa María, na madrugada do día 3 de xaneiro. Aseguran que o agresor é coñecido por condutas como masturbarse na rúa diante de mulleres.

Tras facer público este caso, ata dez mulleres comunicáronse co colectivo para trasladarlle que viviran situacións semellantes. Pero nestes casos non se tramitaron denuncias.

Por iso hoxe celebraron unha concentración ás portas da comisaría da Policía Nacional de Pontevedra. Cren que estas agresións están a ser minorizadas polos axentes e reclaman máis protección e máis recursos.

Dende o Colectivo Transfeminista Fulanas están a ofrecer asesoramento e acompañamento ás vítimas que se achegan a elas na procura de apoio. Tamén recordan que o CIM do concello de Pontevedra ofrece atención deste tipo.