A Deputación da Coruña pon en valor os produtos locais da nosa gastronomía a través de ‘Saudade’

BARBANZA> Poñer en valor non só a nosa gastronomía senón ós produtores locais que aportan a mellor materia prima. Este é o obxectivo de Saudade, o proxecto desenvolvido pola área de Turismo da Deputación da Coruña, que reúne na provincia a 13 cociñeiros con estrela Michelín.

As comarcas do Barbanza e Bergantiños son os enclaves nos que se desenvolve estes días ‘Saudade’, un evento promovido pola área de Turismo da Deputación da Coruña que busca poñer en valor os produtos da nosa gastronomía. A  mellor maneira de enxalzar as súas bondades é coñecer os seus procesos produtivos da man de quen, con tanto mimo, extrae o mellor da nosa terra e do noso mar para levalo ata os noso padais. 

E para dalo a coñecer ó resto do territorio nacional, Saudade válese de 13 recoñecidos cociñeiros que reúnen un total de 20 estrelas michelín.

A delegación de cociñeiros tivo ocasión de coñecer o proceso de elaboración dos viños da adega pobrense Entre os Ríos, primeira parada do seu periplo polo Barbanza. E da Terra ó mar cunha saída en barco para visitar unha batea a afondar no proceso de cultivo do mexillón para finalizar cunha visita á lonxa de Ribeira.

E é que tralo seu paso polo Barbanza, a xornada de mañá desenvolverase en Coristanco dedicada á exaltación dos produtos do campo e o seu papel na gastronomía contemporánea.

O programa inclúe tamén un encontro con produtores locais da provincia que participarán en diversas mesas de debate.