MARÍN> A Princesa Leonor xa é filla adoptiva do concello de Marín. A Súa Alteza Real visitou hoxe a localidade para recoller esta distinción. Fíxoo nun acto breve e sinxelo na Casa Consistorial. Ás portas, centos de veciños agardaron a súa chegada para saudala e arroupala nos seus últimos días na Escola Naval de Marín.
Pouco antes da unha do mediodía a Princesa Leonor chegaba ao concello de Marín para recibir o nomeamento de filla adoptiva. Faciao entre gran expectación, con centos de veciños agardando para poder saudala e arroupala nos seus últimos días como alumna da Escola Naval de Marín.
Entre todos os asistentes foi Candela, unha cativa de 3 anos, quen levou o recordo máis especial. Acompañada da súa nai, pasou á zona reservada para as autoridades e puido sacar unha foto coa princesa.
Xa no interior da Casa Consistorial, o acto foi breve e sinxelo. Tras dar lectura ao acordo plenario, a alcaldesa entregou a Leonor de Borbón un pergamiño co título, obra da artista María Sancho, e a medalla oficial do Concello.
A princesa asinou tamén no libro de honra do concello. E puido ver o que escribira seu pai, o rei Felipe VI, en 1986. Tamén el foi nomeado fillo adoptivo de Marín tralo seu paso pola Escola Naval.
A Súa Alteza Real estivo acompañada en Marín pola alcaldesa e polos membros da corporación, coa excepción do BNG, pola Ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz, e polo presidente da Xunta, entre outras autoridades.
Ao remate do acto, a banda da Escola Naval de Marín estreou a peza ‘La joven guardamarina’, composta especialmente para a Princesa Leonor.











