O goberno da Deputación da Coruña aproba 17 dedicacións exclusivas

BARBANZA> Aprobada por unanimidade a proposta de organización da Deputación da Coruña. Ás áreas de goberno xa existentes incorpóranse novas delegacións como Industria, Política Demográfica, Mar e Medio Rural entre outras. Aprobáronse tamén 17 dedicación exclusivas, incluídas as  do presidente e o vicepresidente.

O pleno da Deputación da Coruña aprobaba este mediodía a proposta de organización do goberno provincial para o mandato 2023-2027, conformado por PSOE e BNG. Aprobouse a creación de dez comisións informativas, unha máis que na anterior lexislatura que se reunirán unha vez ó mes. Tamén os plenos seguirán a ter periodicidade mensual celebrándose o último venres de cada mes.

No que respecta ó réxime de retribucións, mantense o mesmo número de dedicacións exclusivas que no anterior mandato, 17. O presidente Valentín Formoso percibirá 80 mil euros anuais, algo máis que o seu vicepresidente, o nacionalista Xosé Regueira cun soldo bruto anual de 72 mil. Os 15 deputados con dedicacións exclusivas roldarán os 69.500 euros. Mantéñense tamén as indemnizacións por asistencia a pleno, establecidas en 591euros, e das co,isións informativas e xunta de goberno que ascende a 370 euros. O pleno aprobou tamén un total de 27 postos de persoal eventual.