RIANXO> A ANPA do CEIP Ana María Diéguez de Asados retomou as mobilizacións para demandar a incorporación de profesora de cara ó curso que está a piques de comezar. Reclaman a incorporación dos especialistas en PT e AL a tempo completo así como o desdobre da aula de quinto cunha ratio de 28 alumnos.
Ó igual que xa fixera durante o curso pasado, a ANPA do CEIP Ana María Diéguez de Asados volveuse mobilizar para reclamar máis recursos educativos. A pasada tarde concentrábanse no patio do colexio para esixir un orientador, un PT e un AL a tempo completo, xa que na actualidade están compartidos con outro centro.
Ademais da incorporación de especialistas para dar cobertura ás necesidades de apoio de moitos alumnos, os pais reclaman que se creen dúas aulas de quinto de primaria. Este curso conta na actualidade cunha media ponderada de 28 alumnos, por riba da ratio establecida.
Ademais de seguir co calendario de mobilizacións, non descartan adoptar novas medidas de presión. Entre elas, non mandar ós nenos a clase ata que se garanta unha atención educativa de calidade.











