PORTO DO SON> O Mirfak impúxose na Regata Mar de Finisterre-Trofeo Pitusa Sabín celebrada esta fin de semana en augas da ría de Muros Noia. A embarcación da Armada Española de Ferrol conseguiu facerse co trofeo por segundo ano, tras dúas xornadas moi disputadas.
Aínda que amencía con néboas e sen apenas vento este domingo, co consecuente risco de que non puidese disputarse, a segunda xornada do trofeo Pitusa Sabín- Regata Mar de Finisterra, desenvolveuse finalmente sen incidencias, con tódalas probas previstas para os Open e unha máis para ORC que non puideron completar o programa debido á nova entrada de brétema que comprometía a visibilidade.
Non foi este impedimento para gozar dun espectáculo deportivo e dunha proba moi disputada que finalmente acabou por levarse o Mirfak. A embarcación da Armada Española de Ferrol, patroneada por Diego López, conseguía impoñerse na categoría ORC 1-3 por tan só 4 segundos, fronte ó seu rival máis directo, o Urbapaz do Náutico de Cabanas e o Bon III do Club Náutico Punta Lagoa.
Nos ORC 4 – 5 o triunfo foi para o Bacor de Portosín que compartiu podio co Deep Blue do Náutico de Vigo e o Monterrei tamén de Portosín. Na Categoría Open impúxose o Cámping Ría de Arosa do Náutico Arousa Norte seguido do Montaraz e do Monte Ulía.










