PORTO DO SON> O director de Turismo de Galicia visitou o centro de recepción de visitantes do Castro de Baroña en Porto do Son. Alí puido coñecer as actuacións que ten previstas o concello para favorecer a accesibilidade na contorna do xacemento así como regular o fluxo de visitantes.
Dende o mes de xuño, pasaron polo centro de recepción de visitantes do Castro de Baroña, unhas 11 mil persoas das que se calcula que poden ser apenas un terzo das visitas que recibiu o xacemento no que vai de verán. Esta elevada afluencia levou ó concello a buscar fórmulas para regular as visitas, obxectivo que comparte con Turismo de Galicia para evitar unha maior presión sobre os recursos patrimoniais máis emblemáticos da comunidade.
Durante a visita do director de Turismo de Galicia, o alcalde presentoulle tamén o proxecto de mellora de accesibilidade na contorna do xacemento que permita acceder ó miradoiro a persoas con mobilidade reducida. A rehabilitación do acceso está pendente do permiso de Patrimonio.
En paralelo a estes proxectos, o concello segue a traballar na conservación e posta en valor do castro despois de que nunha recente escavación quedara ó descuberto parte da muralla.











