CAMBADOS> A vendima xa está a pleno rendemento na Denominación de Orixe Rías Baixas e en Martín Códax. As condicións meteorolóxicas adiantaron finalmente o inicio da recollida da uva, que está a entrar na adega nun excelente estado sanitario e cun bo equilibrio entre grao e acidez. Os traballos na cooperativa cambadesa desenvolveranse de xeito progresivo, co obxectivo de completalos na primeira quincena de setembro. Todo fai pensar que estamos ante unha gran colleita.
Os viñedos dos viticultores de Martín Códax xa bulen de actividade. A cooperativa cambadesa comezou estes días a vendima.
Os traballos de recollida comezaron esta semana, coa selección das parcelas máis temperás. A uva vendimada nos primeiros días destinouse á elaboración de escumosos. Agora, a adega continúa co monitoreo das parcelas para realizar a recollida no momento óptimo.
O que non preocupa é a chuvia anunciada para os vindeiros días.
E é que a uva que se está a recoller está, apuntan dende Martín Códax, en perfecto estado sanitario. Mesmo a seca que sufrimos en agosto non deixou pegada no froito.
A cooperativa cambadesa coincide coas predicións que apuntan que esta campaña será histórica.











