BOIRO> As investigacións da Garda Civil iniciáronse o pasado verán, tras detectarse un aumento importante do número de roubos con forza e furtos, que os axentes constataron que estaban vinculados co incremento do consumo de drogas.
Froito das pescudas realizadas conseguiu desartellarse un punto de venda de droga, situado nunha vella escola unitaria situada no lugar de San Mauro, na parroquia de Lampón, a onde acudían habitualmente toxicómanos de toda a comarca.
Durante o rexistro realizado no inmoble, os axentes interviñeron máis de 7 mil doses de diversas substancias, a maioría de marihuana, pero tamén haxíx, heroína, cocaína crack e pastillas.
No interior da antiga unitaria puideron recuperarse tamén numeroso material roubado, como ferramentas profesionais da construción, ordenadores, xoias, diñeiro en metálico e diverso material médico, incluíndo un bo número de receitas e ata un selo médico colexiado.
A operación realizada baixo o nome de ‘Parvularios’ permitiu a detención de tres persoas, todas elas con antecedentes anteriores por casas similares.
Para unha delas, o ‘cabecilla’ da trama, o Xulgado de Instrución Número 3 de Ribeira xa decretou o seu ingreso en prisión.
Dende a Garda Civil fan un chamamento ós veciños da zona que foran vítimas de roubos nos último meses se poñan en contacto co posto de Boiro para tratar de identificar algún dos obxectos intervidos e que aínda permanecen a día de hoxe en depósito.











