A confraría de Noia traballará na creación dun laboratorio propio

NOIA> A ampla maioría obtida pola candidatura de Santiago Cruz garante a súa reelección como patrón maior de Noia. Esta nova lexislatura que comeza estará marcada pola continuidade con grandes proxectos como a creación dun laboratorio propio. Tal e como agardaba, Santiago Cruz contou cun amplo respaldo dos socios da confraría nas eleccións celebradas o pasado sábado. Repetirá, polo tanto, como patrón maior de Noia durante catro anos máis. Son moitos os retos que se plantexa cara o futuro. Entre eles, a autorización de medio quilo máis de berberecho de segunda ou a creación dun laboratorio propio co que afrontar os episodios de toxina con maior axilidade.