Bealo mantense fiel á súa cita co San Ramón

BOIRO> A chuvia caída por momentos non foi impedimento algún e a romaría do San Ramón de Bealo converteuse unha vez máis nunha das máis concorridas das que se celebran non só na comarca senón en toda Galicia.

Declarada Festa de Interese Turístico Galego, cuxa tradición se remonta xa ó século XVIII, volveu a reunir a centos de persoas.

Dende primeiras horas da mañá foron moitos os devotos, especialmente mulleres, as que acudiron á cita a buscar o favor do Santo, na procura dun remedio para a esterilidade ou para ter un bo parto, ó ser o San Ramón o patrón das paridas.

Pero á par dos actos relixiosos, con numerosas misas e a tradicional procesión ó redor da capela, os romeiros tamén acoden a esta festa para disfrutar dun xantar campestre en familia ou comer o polbo ou o churrasco nun dos moitos postos de comida que se instalan nos arredores da capela.

E como en calquera festa, para que a xornada fose completa, tampouco faltou a música con numerosas actuacións musicais ó longo de todo o día, con grupos de música tradicional e a sesión vermú, que continuou despois pola tarde coas exhibicións de baile a cargo de Abeloura e Xilbarbeira e rematou pola noite coa verbena, amenizada nesta ocasión, polo grupo Alkar.