CALDAS> Caldas de Reis rexeita as propostas para a Variante Oeste presentadas polo Goberno central. O executivo local non entende por que non se ten en conta a opción que defende a corporación de xeito unánime dende o ano 2008. O principal foco de polémica é a conexión da variante co Porto de Vilagarcía. Nunca foi demandada polo municipio e suporía a demolición de varias vivendas e a división das parroquias afectadas polo trazado. Agora o rexedor solicita unha reunión co Ministerio de Transportes para propoñer melloras a este estudo.
Nin á veciñanza nin ao goberno nin á oposición. As propostas presentadas polo Ministerio de Transportes para a agardada Variante de Caldas non gustan no municipio.
Con este proxecto, o Ministerio busca dar resposta a dúas situacións que, segundo o alcalde, deberían abordarse de xeito independente. Dunha banda, a demanda pola que leva anos pelexando o concello: a Variante que permita eliminar o tráfico pesado do casco urbano.
Da outra, a conexión da AP-9 co Porto de Vilagarcía. No estudo aprobado polo Ministerio, búscase darlle solución vinculando esta actuación coa Variante Oeste.
Hoxe o alcalde mantivo un encontro co Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, para trasladarlle o malestar que hai no concello. Non entenden a urxencia dos prazos actuais cando Caldas leva 17 anos agardando por esta infraestrutura. Tampouco que non se tivera en conta a proposta aprobada por unanimidade polo pleno.
Agora volve haber unanimidade en Caldas pero desta volta á hora de rexeitar o proxecto que o Ministerio de Transportes pon sobre a mesa.
O rexedor adiantou que o goberno local vai solicitar un encontro con Demarcación de Carreteras e co Ministerio de Transportes na que poidan participar representantes veciñais, para propoñer melloras ao estudo desta Variante.










