RIANXO> O luns arrancará un novo curso escolar, pero non en todos os coles. A ANPA do colexio Ana María Diéguez de Asados decidiu por unanimidade, non enviar ese día ós seus fillos a clase como medida de presión para que a consellería de Educación atenda as súas demandas.
Dende a ANPA din que levarán esta decisión ata as últimas consecuencias.
Seguen insistindo e pídenlle á Consellería que dote ó centro dun profesor de Pedagoxía Terapéutica e outro de Audición e Linguaxe a tempo completo, así como un docente para desdobrar a aula de quinto de primaria.
Se o acto reivindicativo se prolonga no tempo e co fin de posibilitar a conciliación, a ANPA do centro xa anunciou que sufragará un servizo de monitorado para atender ós nenos daquelas familias que o precisen.











